Wednesday 24 de April de 2024

A Xunta avala ante os auditores da Unesco a solidez da candidatura a Xeoparque do Cabo Ortegal e subliña a súa excepcional riqueza xeolóxica


Ángeles Vázquez considera que se trata dunha “proposta gañadora” polo que confía en que a próxima primavera Galicia poida ter o seu segundo Xeoparque Mundial

A Xunta de Galicia avalou hoxe a solidez da candidatura a Xeoparque Mundial do Cabo Ortegal, salientando que a excepcional riqueza xeolóxica desta zona representa o punto forte da proposta galega e valeulle no seu día para superar un rigoroso proceso de selección no que competían catro candidaturas.

Así o subliñou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen participou esta tarde en Cariño xunto á directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, e a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, nun acto organizado polos promotores para escenificar o apoio institucional ao proxecto coincidindo coa visita que realizan estes días á zona os auditores enviados pola Unesco.

Tras lembrar que desde o momento en que a Asociación para a xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal empezou a traballar na proposta, a Xunta se implicou activamente na súa defensa, respaldo e difusión, Ángeles Vázquez subliñou o bo traballo feito nos últimos anos e que levou a que o pasado outono o Comité Nacional Español de Xeoparques decidira presentar a candidatura galega ante a Unesco xunto coa de Costa Quebrada, en Cantabria, sendo ademais a que obtivo a maior puntuación.

Por este motivo, a conselleira de Medio Ambiente amosouse convencida de que se trata dunha “proposta gañadora” e con garantías de éxito, a mesma impresión que, segundo dixo, agarda que se leven os auditores internacionais durante o seu percorrido polos diferentes puntos da zona proposta como Xeoparque.

Cómpre subliñar que o ámbito da candidatura abrangue case 630 km2 distribuídos entre 7 concellos—Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño— co denominador común de albergar unha grande riqueza e variedade xeolóxicas.

Un pulo decisivo para a zona
O Consello Executivo da Unesco dará a coñecer a súa decisión previsiblemente a próxima primavera, polo que a conselleira considerou que se Cabo Ortegal se converte no segundo Xeoparque Mundial declarado en Galicia —o primeiro e único ata o momento é o Xeoparque Montañas do Courel—, a decisión daríalle un pulo importante a esta zona, contribuíndo á difusión dos seus valores naturais, paisaxísticos e culturais, ademais de ofrecer novas oportunidades desde o punto de vista económico e turístico para os seus máis de 28.000 veciños.

Así mesmo, lembrou que a declaración de Xeoparque Mundial engadiríase ao resto de distintivos de protección cos que xa conta Cabo Ortegal —catro zonas de especial conservación, dúas de especial protección de aves, dous humedais de importancia Ramsar e varios hábitats de interese comunitario— e suporía un “máis que merecido” recoñecemento internacional á singularidade deste territorio.